Wednesday 15 de May de 2024

Comezan os traballos para a renovación do firme de caucho no parque infantil dos Mariñeiros, co obxectivo de reforzar a seguridade das crianzas


Ademais, o Concello dá continuidade estes días ás obras de ampliación da área de xogos da Sardiñeira, onde se está a remodelar unha superficie de 250 metros cadrados para o disfrute das e dos máis pequenos

O Concello da Coruña iniciou esta semana os traballos de mellora previstos no parque infantil dos Mariñeiros, onde xa se está a acometer a renovación integral do firme de caucho na área de xogos.

Esta iniciativa, promovida pola Área de Economía e Planificación Urbana e executada a través do servizo municipal de Infraestruturas, suporá a substitución do pavimento de caucho actual, deteriorado polo paso do tempo e pola súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas, co obxectivo de reforzar a seguridade e comodidade das pequenas e pequenos. Disporase un firme novo, en cores azul, vermella e amarela.

A intervención, que suporá un investimento de aproximadamente 49.000 euros, rematará en dúas semanas, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para desenvolver os traballos.

Avanzan as obras no parque infantil da Sardiñeira

En paralelo ao inicio dos traballos na área de xogos dos Mariñeiros, o Concello está a dar continuidade estes días ás obras de mellora e ampliación do parque infantil da Sardiñeira, que ao remate da intervención pasará a contar cunha nova estrutura de xogos múltiples e un bambán inclusivo.

A remodelación completa desta infraestrutura levarase a cabo nunha superficie de 250 metros cadrados.